O Departamento de matemáticas da Universidade Laboral iniciou este curso un proxecto educativo que ten moi poucos precedentes en España. Decidiron ofertar unha optativa para 1º de ESO que ao final foi a máis demandada de todas elas: "Papirofléxia e matemáticas recreativas". Tratábase de que aprenderan conceptos de xeometría que ás veces non resultan moi atractivos na aula, a través dunha actividade lúdica; neste caso a papiroflexia.
Puidemos comprobar estes meses como traballaron arreo e se divertiron tamén nas clases. O froito do seu traballo podémolo contemplar desde o mes de decembro no hall de entrada do noso IES. Está adornado con decenas de estrelas que iluminan a entrada á Laboral.
Grazas rapaces/as polo voso traballo, e seguide así de ben.
O alumnado de1º Bacharelato de Ciencias e 2º de Bacharelato que cursan Psicoloxía puxéronse mans á obra. Da teoría á práctica, de comprender as responsabilidades cos animais a realizar o primeiro obradoiro de casetas para gatos rueiros e ferais.
Grazas á Asociación "Patrulla Callejera", aprenderon a construír casetas con materiais reciclados, e por primeira vez para eles toda unha clase amadriña aos gatos que buscan fogar. Silvia e Anita, representantes da asociación fixéronlle entrega do seu carnet como clase.
Algunhas das casetas colocaranas no recinto da Laboral e outras en diferentes puntos da cidade de Ourense.
A Universidade laboral a través do seu departamento de Educación Física (EF), en colaboración coa “CRUZ ROJA”, estamos organizando por vez primeira a “Iª ANDAINA SOLIDARIA DO IES UNIVESIDADE LABORAL”. Terá lugar o día 20 de decembro, coincidindo co “Día Internacional da Solidariedade” e co último día de clase antes do período festivo do nadal. Esta actividade vai dirixida a todo o alumnado do Centro, incluíndo ESO, BACHARELATO, FP BÁSICA E FP.
A participación en dita actividade é VOLUNTARIA, e a INSCRIPCIÓN vai ter un prezo de 2 EUROS para o alumnado, e de 5 Euros para profesorado e persoal non docente. Todo o recadado irá destinado INTEGRAMENTE á CRUZ ROJA. Organización que destinará eses cartos á súa campaña de nadal 2019/2020: “Recollida de Xoguetes para que todos os nenos e nenas poidan ter este nadal un xoguete novo, non bélico e non sexista”, neste enlace podedes ver máis información da súa campaña: www.susderechosenjuego.com
A andaina terá un percorrido de 4 km sen saír do recinto da Universidade Laboral. Levarase a cabo a partir das 9:30 da maña. O alumnado que non participe quedará nas aulas co profesorado de garda.
A inscrición e aboamento dos 2 euros na Andaina farase no polideportivo do centro dende o martes 3 de decembro ata o martes 17 de decembro. Non se aceptará ningunha inscrición fora deses prazos. Coa inscrición entregarase un dorsal con dous imperdibles que deberán traer colocado e visible o día da actividade. Ao remate da andaina o dorsal será entregado á organización e daráselle ao alumnado unha froita e bebida en forma de avituallamento.
Recomendamos que o alumnado traia calcetíns e calzado de reposto porque parte do percorrido vai ser polo noso bosque. E para evitar xerar plásticos poden traer unha cantimplora que se lle encherá de auga o na carpa de avituallamento e na fonte do Polideportivo.
Por outra banda, aqueles que queiran axudar cunha participación maior, podédelo facer mediante transferencia bancaria na conta de Cruz Roja en Ourense: ES11 0049 5230 9924 1717 1515 Pondo como asunto “Doazón campaña de nadal, ULABORAL”
Agardamos unha participación numerosa e unha boa aceptación por parte de tódolos participantes. Axúdanos a que esta actividade permaneza e creza no centro como actividade propia deste e sobretodo a que máis nenos e nenas este nadal poidan sorrir e xogar.
O pasado 26 de novembro a Universidade Laboral tivo presenza no acto da presentación da guía da FP DUAL.
Este acto celebrouse no salón principal do Pazo de Congresos de Santiago. Estiveron presentes boa parte dos centros educativos da nosa Comunidade, representantes da Dirección Xeral de FP, e representantes das empresas máis importantes de Galicia.
A consellería de Educación convidounos para poñer á Universidade Laboral de Ourense como exemplo do bo traballo realizado nos últimos anos na FP DUAL.
Asistiron ao acto o noso dinamizador da FP DUAL, unha representante de GAESA e Director, para contar a nosa experiencia nos últimos anos.
A universidade laboral foi pioneira nesta modalidade educativa, comezamos no ano 2013 colaborando coa empresa carroceira UNVI con sede no Polígono de San Cibrao; e desde este curso escolar, con GAESA, empresa pertencente a un grupo industrial vasco que hai anos instalou unha factoría en Ribadavia. Para este acto GAESA tivo a amabilidade de desprazar a unha das súas directivas desde a cidade de Vitoria, para poder compartir con todos nós esa xornada.
Esta semana puidemos desfrutar do noso bosque. O martes paseando ao lado do campo de hockei os alumnos de plástica atoparon un exemplar de Amanita Muscaria, tamén chamada 'matamoscas'.
En galego coñécese como rebentabois, é un cogomelo tóxico caracterizado polo seu sombreiro de cor vermella ou alaranxada salpicado de numerosas pintas brancas. Tamén se coñece como brincabois, obedecendo estes nomes comúns á suposta toxicidade sobre o gando que o poida comer.
O nome científico muscaria fai alusión á paralización que parecen sufrir os insectos que se pousan sobre este cogomelo.
Visitamos a Axencia Tributaria. Os alumnos de 4º da ESO visitaron a Delegación da Axencia Tributaria, acompañados polas profesoras de Economía e Iniciativa Emprendedora. Alí coñeceron as súas instalacións e recibiron unha charla sobre os traballos que leva a cabo este organismo e sobre as obrigas que todos/as temos como contribuintes.
O alumnado de 1º do Ciclo Superior de Mecatrónica asistiu ás Xornadas do ISSGA (Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia) sobre condutores profesionais. Toda unha experiencia para estes alumnos/as que puideron participar nesta actividade e así completar un pouco máis a súa formación.
A semana pasada periodistas do diario "La Región" visitaron o noso centro coa fin de recoller información para un artigo que estaban preparando sobre a marcha da FP DUAL na nosa provincia.
Visitáronnos porque fomos pioneiros en Galicia nesta modalidade formativa e porque somos dos poucos centros de secundaria que ofertan dous ciclos de DUAL moi diferentes.
Chamoulles a atención que as prazas ofertadas se cubriran todas, tanto no Ciclo Medio de Carrozaría coma no Superior de Mecatrónica con Robótica Industrial; porque segundo nos comentaron, isto non sucedeu así en moitos dos demais centros.
Estiveron en 3º de Carrozaría (na foto), e en 1º de Mecatrónica.
A Consellería de Educación acaba de recoñecer o traballo que viña desenvolvendo o noso Departamento de Tecnoloxía ao concedernos o recoñecemento da nosa "Aula Maker". Este curso escolar somos o único centro da provincia que o obtén.
Isto vai significar que chegue moito material de carácter técnolóxico ao centro (material para impresión 3D, robótica, etc). Hai varios profesores do IES que xa están completando a súa formación para poder traballar con todo isto e aplicalo nas súas clases.
Noraboa a todos os que o fixestes posible.
Ao longo deste ano que está a punto de ramatar o Concello de Ourense organizou o tradicional circuíto de carreiras polos barrios de Ourense "Correndo por Ourense". Este circuíto consta dun total de 6 probas que se van realizando en tódolos barrios da nosa cidade. Son centos de participantes cada ano os que o completan.
Un dos nosos alumnos de 2º de Bacharelato, Alexandre González Coello leva subindo ao pódio desta proba nos últimos tres anos (na foto o da dereita do podio). Neste caso foi segundo clasificado na categoría xuvenil. Tamén tivo unha meritoria participación no San Martiño ao quedar de dezaoito clasificado na súa categoría.
Alexandre iniciouse xunto con outros rapaces do noso IES na práctica do atletismo da man do noso antigo profesor de educación física, Germán González, quen logo de xubilarse da docencia non se xubilou do deporte, e segue ao fronte da escola deportiva Ben Cho Shey de Pereiro de Aguiar.
O xoves 7 de novembro achegouse polo centro (o seu centro) Ánxeles Cuña. Profesora deste IES que cambiou o traballo das aulas pola actividade parlamentaria. Nunha charla cercana, divertida e moi emotiva achegou ao noso alumnado o día a día da clase política, como se estructura o Parlamento Galego e, sobre todo, que retos agaradan a estes futuros cidadáns.
O luns 4 de novembro tivemos a visita do Profesor da Universidade de Vigo, Benito Vázquez, quen a través de experimentos amenos e instructivos acercou o mundo da física ao noso alumnado. O comentario máis extendido foi: pero que ven os meus ollos!
O venres 8 de novembro, celebramos a festa propia da nosa cidade, o Magosto. Na entrada da Laboral e durante dous recreos toda a comunidade educativa puido saborear as típicas castañas, un anaco (ou dous) de bica e un bolo preñado. Menudo ambientazo!
O martes día 12 de novembro convidados polo Departamento de Filosofía, recibimos ás voluntarias de "Patrulla callejera" e "Colonias de gatos" de Ourense (Silvia e Anita).
Tras unha charla interactiva como podedes apreciar nas fotos, o alumnado de 1º de Bacharelato se comprometeu na tenencia responsable, na mellora da vida dos gatos da nosa cidade, e máis cousas que xa iremos difundindo e que nos ilusionan.
A educación é a semente dunha vida mellor para humanos e animais. Dende aquí podemos sementar.
Grazas Patrulla e ata moi pronto.
Este curso inauguramos un novo botiquín. Está situado no antigo cuarto da telefonista. Contamos con caixas para facer curas, unha cadeira de rodas e padiola para casos de mareo.
O centro tamén se fixo cun desfibrilador polo que nos convertemos así en "Centro Cardioprotexido". En breve varios profesores, algúns alumnos e persoal non docente realizaran unha formación específica para o seu uso.
De tódolos xeitos esperemos darlle moi pouco uso
Os alumnos/as da materia de segundo de Bacharelato "Métodos estadísticos e numéricos" dirixidos polo seu profesor Antonio López, estiveron realizando ao longo da primeira avaliación un estudo estadístico sobre a intención de voto nas eleccións xerais do 10 de Novembro na provincia de Ourense. Tras un traballo no que recolleron un total de 236 enquisas por distintos puntos da provincia acertaron de pleno no seu prognóstico:
Empate entre PP e PSOE en intención de voto e consecuente reparto de escanos, recibindo dous cada un deles. Pódese consultar o informe polo miúdo da análise completa no seguinte enlace:
A Consellería de Educación acaba de recoñecer o traballo que viña desenvolvendo a nosa Aula Medioambiental, concedéndonos o recoñecemento dela coma "Club de Ciencia".
Este recoñecemento oficial daralles a posibilidade tamén de realizar máis actividades das que viñan realizando hasta esta data e seguir traballando aínda máis na educación medioambiental a través do noso contorno.
Dous dos nosos alumnos foron convocados para formar parte da selección galega xuvenil de hockey herba que xogará o Campionato de España de selecións autonómicas entre os días 23 e 27 de outubro en Valencia.
Trátase de Daniel Vilar de 4º ESO B (dereita), integrante do Club Hockey Barrocás, e Alexandre Coello de 2º Bacharelato B (esquerda), do Club Hockey Albor. Enfrontaranse o xoves a Euskadi e o venres a Madrid e Andalucía. Logo a esperar os cruces do sábado e domingo.
Eses días coincidirán no campo coa seleción Española Absoluta que xoga o preolímpico contra Francia para decidir o pase ás olimpiadas de Xapón. ¡Toda unha experiencia para eles!.
Ambos forman parte dunha gran xeración de xogadores que deu o hockey ourensán estes últimos anos e que sempre deron a talla nos diferentes campionatos de España que participaron cos seus respectivos clubs ou coa selección.
¡Moita sorte e a desfrutar da vosa paixón polo hóckei!
ACTIVIDADES DO MES DE DECEMBRO
- Martes 3, charla no salón de actos de responsables da CIUG para informar sobre a ABAU (Probas de acceso á Universidade)
- Xoves 5, charla sobre iniciativas emprendedoras para ciclos formativos
- Luns 9, Taller de iniciativa emprendedora para 4º ESO B
- Xoves 12, Visita a COASA para 2º Electromecánica
- Venres 13, Visita ao Convento de San Francisco para 2º Bacharelato que cursan Historia de Galicia
- Martes 17, AULA DA NATUREZA proxección dunha película para Bacharelato, Dual e FPB
- Mércores e Xoves 18 e 19, excursión cultural de 2º de Mecatrónica e 2º BAC a Madrid
- Venres 20, Para este día haberá un calendario específico que se facilitará en breve dende Xefatura de Estudos.
A aula da natureza xa comezou as súas actividades. O 27 de setembro realizaron diferentes actividades de sensibilización polo cambio climático.
Pola súa banda existe un nutrido grupo de profesores que este curso se integraron tamén na aula para colaborar. Vanse formar ao longo de todo o ano en diversos aspectos relacionados co noso contorno natural, e xa teñen en mente multitude de actividades: cine, tarefas de limpeza e recuperación do noso contorno, plantacións de diversas especies, creación dunha horta escolar, e varios proxectos escolares nos que pensan participar.