O Departamento de matemáticas da Universidade Laboral iniciou este curso un proxecto educativo que ten moi poucos precedentes en España. Decidiron ofertar unha optativa para 1º de ESO que ao final foi a máis demandada de todas elas: "Papirofléxia e matemáticas recreativas". Tratábase de que aprenderan conceptos de xeometría que ás veces non resultan moi atractivos na aula, a través dunha actividade lúdica; neste caso a papiroflexia.
Puidemos comprobar estes meses como traballaron arreo e se divertiron tamén nas clases. O froito do seu traballo podémolo contemplar desde o mes de decembro no hall de entrada do noso IES. Está adornado con decenas de estrelas que iluminan a entrada á Laboral.
Grazas rapaces/as polo voso traballo, e seguide así de ben.
O alumnado de1º Bacharelato de Ciencias e 2º de Bacharelato que cursan Psicoloxía puxéronse mans á obra. Da teoría á práctica, de comprender as responsabilidades cos animais a realizar o primeiro obradoiro de casetas para gatos rueiros e ferais.
Grazas á Asociación "Patrulla Callejera", aprenderon a construír casetas con materiais reciclados, e por primeira vez para eles toda unha clase amadriña aos gatos que buscan fogar. Silvia e Anita, representantes da asociación fixéronlle entrega do seu carnet como clase.
Algunhas das casetas colocaranas no recinto da Laboral e outras en diferentes puntos da cidade de Ourense.
A Universidade laboral a través do seu departamento de Educación Física (EF), en colaboración coa “CRUZ ROJA”, estamos organizando por vez primeira a “Iª ANDAINA SOLIDARIA DO IES UNIVESIDADE LABORAL”. Terá lugar o día 20 de decembro, coincidindo co “Día Internacional da Solidariedade” e co último día de clase antes do período festivo do nadal. Esta actividade vai dirixida a todo o alumnado do Centro, incluíndo ESO, BACHARELATO, FP BÁSICA E FP.
A participación en dita actividade é VOLUNTARIA, e a INSCRIPCIÓN vai ter un prezo de 2 EUROS para o alumnado, e de 5 Euros para profesorado e persoal non docente. Todo o recadado irá destinado INTEGRAMENTE á CRUZ ROJA. Organización que destinará eses cartos á súa campaña de nadal 2019/2020: “Recollida de Xoguetes para que todos os nenos e nenas poidan ter este nadal un xoguete novo, non bélico e non sexista”, neste enlace podedes ver máis información da súa campaña: www.susderechosenjuego.com
A andaina terá un percorrido de 4 km sen saír do recinto da Universidade Laboral. Levarase a cabo a partir das 9:30 da maña. O alumnado que non participe quedará nas aulas co profesorado de garda.
A inscrición e aboamento dos 2 euros na Andaina farase no polideportivo do centro dende o martes 3 de decembro ata o martes 17 de decembro. Non se aceptará ningunha inscrición fora deses prazos. Coa inscrición entregarase un dorsal con dous imperdibles que deberán traer colocado e visible o día da actividade. Ao remate da andaina o dorsal será entregado á organización e daráselle ao alumnado unha froita e bebida en forma de avituallamento.
Recomendamos que o alumnado traia calcetíns e calzado de reposto porque parte do percorrido vai ser polo noso bosque. E para evitar xerar plásticos poden traer unha cantimplora que se lle encherá de auga o remate da andaina e na fonte do Polideportivo.
Por outra banda, aqueles que queiran axudar cunha participación maior, podédelo facer mediante transferencia bancaria na conta de Cruz Roja en Ourense: ES11 0049 5230 9924 1717 1515 Pondo como asunto “Doazón campaña de nadal, ULABORAL”
Agardamos unha participación numerosa e unha boa aceptación por parte de tódolos participantes. Axúdanos a que esta actividade permaneza e creza no centro como actividade propia deste e sobretodo a que máis nenos e nenas este nadal poidan sorrir e xogar.
O pasado 26 de novembro a Universidade Laboral tivo presenza no acto da presentación da guía da FP DUAL.
Este acto celebrouse no salón principal do Pazo de Congresos de Santiago. Estiveron presentes boa parte dos centros educativos da nosa Comunidade, representantes da Dirección Xeral de FP, e representantes das empresas máis importantes de Galicia.
A consellería de Educación convidounos para poñer á Universidade Laboral de Ourense como exemplo do bo traballo realizado nos últimos anos na FP DUAL.
Asistiron ao acto o noso dinamizador da FP DUAL, unha representante de GAESA e Director, para contar a nosa experiencia nos últimos anos.
A universidade laboral foi pioneira nesta modalidade educativa, comezamos no ano 2013 colaborando coa empresa carroceira UNVI con sede no Polígono de San Cibrao; e desde este curso escolar, con GAESA, empresa pertencente a un grupo industrial vasco que hai anos instalou unha factoría en Ribadavia. Para este acto GAESA tivo a amabilidade de desprazar a unha das súas directivas desde a cidade de Vitoria, para poder compartir con todos nós esa xornada.
Esta semana puidemos desfrutar do noso bosque. O martes paseando ao lado do campo de hockei os alumnos de plástica atoparon un exemplar de Amanita Muscaria, tamén chamada 'matamoscas'.
En galego coñécese como rebentabois, é un cogomelo tóxico caracterizado polo seu sombreiro de cor vermella ou alaranxada salpicado de numerosas pintas brancas. Tamén se coñece como brincabois, obedecendo estes nomes comúns á suposta toxicidade sobre o gando que o poida comer.
O nome científico muscaria fai alusión á paralización que parecen sufrir os insectos que se pousan sobre este cogomelo.
Visitamos a Axencia Tributaria. Os alumnos de 4º da ESO visitaron a Delegación da Axencia Tributaria, acompañados polas profesoras de Economía e Iniciativa Emprendedora. Alí coñeceron as súas instalacións e recibiron unha charla sobre os traballos que leva a cabo este organismo e sobre as obrigas que todos/as temos como contribuintes.
A semana pasada periodistas do diario "La Región" visitaron o noso centro coa fin de recoller información para un artigo que estaban preparando sobre a marcha da FP DUAL na nosa provincia.
Visitáronnos porque fomos pioneiros en Galicia nesta modalidade formativa e porque somos dos poucos centros de secundaria que ofertan dous ciclos de DUAL moi diferentes.
Chamoulles a atención que as prazas ofertadas se cubriran todas, tanto no Ciclo Medio de Carrozaría coma no Superior de Mecatrónica con Robótica Industrial; porque segundo nos comentaron, isto non sucedeu así en moitos dos demais centros.
Estiveron en 3º de Carrozaría (na foto), e en 1º de Mecatrónica.
O alumnado de 1º do Ciclo Superior de Mecatrónica asistiu ás Xornadas do ISSGA (Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia) sobre condutores profesionais. Toda unha experiencia para estes alumnos/as que puideron participar nesta actividade e así completar un pouco máis a súa formación.